Hai veces nas que os estudos científicos sacan resultados ofensivos, como aquel que se fixo en 2004 no que se aseguraba que nos lugares nos que máis se escoitaba a música country, máis suicidios se producían. O tema que vou tratar hoxe, non é tan radical pero ten algo en común, a música.
Segundo un traballo realizado por un programador de aplicacións chamado Virgil Griffith, os que escoitan cantantes como Beyoncé ou Jay Z, teñen bastantes menos habilidades intelectuais que os que escoitan artistas como Radiohead ou Sufjan Stevens. Para chegar a esta conclusión, Griffith analizou os gustos musicais dos estudantes de varias universidade segundo a media que teñen os seus alumnos na proba SAT. Por exemplo, en Harvard, universidade á que só acceden os alumnos máis aplicados (e máis ricos), ten unha media de 1.484 neste exame (a puntuación máis alta é 1520). Pola contra, a que peores alumnos acolle é o centro Paul Quinn, cunha media de 665.
Despois, iniciou unha investigación en Facebook sobre os gustos musicais dos que asisten a cada unha destas universidades. Segundo explica na súa páxina web, analizou 1.352 centros de ensino e máis tarde, realizou unha táboa na que os números da parte de arriba son a media no SAT e, podemos ver que o músico favorito dos máis cerebritos é Beethoven, seguido polo cantautor indie Sufjan Stevens e grupos como Radiohead ou U2.
Na parte media sitúanse bandas como Rage Against the Machine, Grateful Dead ou Queen e, se imos baixando, os menos hábiles adoran o reguetón, Beyoncé, Jay Z ou rapeiros como Nas. Un pouco máis listos, pero bastante lonxe da media, están os emos, que escoitan grupos como My Chemical Romance, AFI ou The Used.
Este é un estudo interesante aínda que a súa metodoloxía é cuestionable dende o punto de partida. Aínda así, seguro que vai traer bastante cola.