12 de Agosto: As perseidas

Curiosidades,Eventos

As Perseidas, popularmente coñecidas como as Bágoas de San Lourenzo, son unha chuvia de meteoros de alta actividade e velocidade, xa que van a 59 km/s. O seu período de actividade é longo, e esténdese entre o 17 de xullo e o 24 de agosto. O seu máximo é o 12 de agosto, no que caen arredor de 100 meteoros/h, o que a converte na terceira maior chuvia do ano. A intensidade desta chuvia de meteoros e a época do ano na que se produce, fan que as Perseidas sexa unha das chuvias de estrelas fugaces máis populares e sinxelas de contemplar para todo o mundo, xa que transcorre durante o período vacacional.

Ademais, este ano vai ser un gran espectáculo xa que a lúa só estará iluminada un 7% e polo tanto, a contaminación lumínica estará presente só nas cidades, e non será culpa da lúa. Aínda así, os expertos recomendan irse a sitios con pouca luz ou entornos máis rurais para que o seu disfrute sexa pleno.

Asemade, o nome das bágoas de San Lourenzo agochan unha interesante historia detrás. A lenda conta que San Lourenzo, foi queimado vivo nunha cacharela en Roma. Dise que no medio do martirio exclamou: «Dádeme a volta, que por este lado xa estou feito». E como choraba mentres o queimaban, dise que as súas bágoas son as estrelas que nas próximas noites caerán do ceo.

E por se as Perseidas non tivesen suficiente maxia, o cometa que as provoca, o Swift-Tuttle, perdeuse da vixilancia dos astrónomos por imprecisións cometidas na estimación da súa órbita. Mesmo se creu que se desintegrara, aínda que o que acontecía e que o período no que o cometa lograba completar a súa órbita non era de 120 anos, senón de case 130. Para alivio dos científicos, volveu reaparecer en 1992.

Para rematar, déixovos un artigo sobre “Dez cousas que debes saber das Perseidas” do xornal ABC.

Advertisement

O universo en 5 apps

Recomendacións

Dende o principio dos tempos, ao ser humano sempre lle fascinou a astronomía, mirar ao ceo de noite noutro tempo significaba abrir unha ventá cara ao misterio. Hoxe en día, debido á contaminación lumínica e ao noso coñecemento, mirar ao ceo na noite non nos produce tanto placer coma antes. Nestes temas pode ser que nos sintamos un tanto perdidos, xa que a astronomía non é un tema que se teña moi en conta nin ao que se lle de moito bombo, non é un tema que interese. Por iso mesmo, hoxe vou falar sobre 5 apps para smartphones que poden axudar neste “inicio da astronomía”, as cales vos axudaran a situarvos no ceo nocturno ou simplemente, a gozar das maravillas do universo.

  1. Google Skymap: Esta é a aplicación de astronomía máis coñecida en Android, nela poderemos navegar polo ceo nocturno axudándonos do GPS do noso smartphone. A aplicación daranos a posibilidade de elixir que queremos visualizar: Constelacións, galaxias e cúmulos estelares, planetas, etc. A navegación polo ceo é bastante precisa, aínda que se é certo que apreciamos un lixeiro desprazamento dalgúns astros, que ao apuntar cara a eles estaban nun sitio lixeiramente distinto ao que realmente estaban. Aínda así, axuda moito á hora de orientarse.
  2. Mapa Estelar: Nesta aplicación, poderemos navegar libremente polo ceo e explorar as características das estrelas que queiramos. Ademais, danos a posibilidade de viaxar polo ceo en diferentes modos, como por exemplo a navegación en 3D, que nos mostrará o noso planeta e poderemos ampliar ou afastar dependendo do noso gusto para ver a posición na que se encontran as galaxias con respecto á terra. Ademais, tamén inclúe a opción de explorar os planetas mediante unha animación en 3D. É unha aplicación gratuíta, aínda que conta con gran cantidade de pagamentos in-app que mellorarán a experiencia. Tamén existe unha versión de pagamento desta mesma aplicación que inclúe todas as opcións desbloqueadas por 9 euros.
  3. Vortex: Esta aplicación, é outra gran opción á hora de explorar o ceo nocturno, malia ser unha aplicación de pagamento. Ademais de incluír as opcións que xa nos ofrecían as outras apps, esta aplicación daranos a posibilidade de utilizar o modo cámara, é dicir, que poderemos escanear o ceo nocturno cun equipo superposto que nos mostrará as constelacións de forma doada. Asemade, mostrarános unha lista cos próximos eventos que vaian suceder, como chuvias de estrelas ou eclipses, xunto con información sobre o tempo que vai facer. Unha grande utilidade para estar ao día dos acontecementos e para explorar, ou mesmo para facilitar a organización dunha saída nocturna.
  4. Fases da lúa: Esta é unha app para eses aos que nos gusta saír ao campo a ver as estrelas, xa que nos interesa moito saber en que fase se vai encontrar a lúa para planear a nosa próxima escapada. Poderemos observar tamén os seus porcentaxes de iluminación, a distancia á que se atopa e as horas de saída e posta. Ademais, se achegamos poderemos encontrar un atlas da lúa bastante interesante que nos mostrará onde aluaron algunhas misións Apollo entre outras cousas. Ademais, inclúe un widget que podemos engadir á nosa pantalla de inicio, que mostrará en que fase se atopa a lúa sen necesidade de ter que entrar na propia app.
  5. NASA: A pesar de que en 2014, a ESA deu un golpe na mesa coa sonda Roseta, a axencia espacial que máis relevancia ten a nivel mundial segue sendo a NASA. Por iso, falar de aplicacións sobre astronomía e non mencionar a aplicación da Axencia Espacial Estadounidense non é compatible. Con ela, poderemos estar ao día de todas as misións que ten (Curiosity, Oportunity, Cassini, etc.), ademais de ter acceso a imaxes e videos de forma moi rápida. Como una dificultade, é que o contido está en inglés, pero aínda que non sexas un experto na lingua anglosaxona, podes ter esta app no movil e observar as imaxes que colgan van colgando cada día. Sen dúbida, é unha gran aplicación para estar ao día das últimas noticias que nos mostra a NASA.

A nave Dawn inicia a súa misión científica no planeta anano Ceres

Noticias

Imaxe extraída de europapress, así como a información. URL: http://www.europapress.es/ciencia/

A nave espacial Dawn da NASA, alcanzou este fin de semana a súa órbita dirixida á investigación científica en torno ao planeta anano Ceres.

Tras un atraso na comunicación dunha secuencia de comandos, a nave entrou brevemente en modo seguro e esperou instrucións adicionais, as cales foron enviadas polos controladores da misión. O inicio das observacións do planeta anano Ceres, tiveron unha lixeira demora debido a unha falla nas comunicacións.

A sonda espacial Dawn, que comezou o mes pasado a orbitar Ceres ao cabo dunha viaxe de case oito anos, impulsada por motores de propulsión de ións; debía empezar a mañá do venres a súa misión científica, pero non recibiu a orde dos controladores en terra como estaba previsto. Como a nave ingresou brevemente en fase de seguridade, suspendeu todas as súas actividades mentres mantiña contacto coa Terra. Isto, demorou o inicio da misión unhas 16 horas pero non afectará a misión en xeral.

O plan contempla que Dawn, fotografe o planeta anano e analice a superficie cos seus instrumentos; aínda que xa temos fotografías de Ceres, pero son dende moi lonxe. Os científicos confiaban en ter unha mellor vista dun par de puntos brillantes situados nun cráter, para determinar que son.

Ceres, o obxecto máis grande no cinto de asteroides entre Marte e Xúpiter, é a segunda escala que realiza Dawn. A sonda pasou un ano no asteroide Vesta, o segundo obxecto con máis masa do cinto de asteroides e o terceiro en tamaño.

Persoalmente, faime moita ilusiñon poder ver o planeta Ceres con máis detalle. É ese tipo de cousas que xeracións anteriores non puideron disfrutar, e por iso somos afortunados.

Enxeñaría aeroespacial agora en Ourense

Noticias

A Universidade de Vigo, decidiu implantar para o curso 2016/2017, un novo grao: Enxeñaría aeroespacial. Este, estará situado no campus de Ourense e será o único sitio da comunidade onde se impartirá o grao.

O reitor anunciou que a titulación non estará adscrita a ningunha das facultades do campus, senón que dependerá dun centro propio, ao non existir ningunha enxeñaría de características similares dentro da oferta da Universidade de Vigo. Así, de seguir adiante o proceso implantador, a institución poñerá en marcha unha Escola de Enxeñaría Aeroespacial no Campus.

A elección da provincia non é casual, xa que se trata dun mercado pensado para a formación de enxeñeiros especializados. Un sector como o de compoñentes da aeronáutica, que teñen tres firmas fundamentais só no parque Tecnolóxico de GaliciaCoasa S.A., empresa líder no deseño e fabricación de aeroestructuras, estabilizadores e fuselaxe entre outros; Hispamoldes, que optou hai tres anos por reciclar a súa produción e se uniu a un grupo de dez firmas galegas para fabricar este tipo de pezas para firmas aeronáuticas; e firma Laddes Works, situada tamén na Tecnópole.

Así pois, esperemos que todo saia ben e adiante. Sería un verdadeiro luxo poder contar cun grao de esas características na comunidade, ademais dun orgullo.

Aquí vos deixo tanto as notas de corte en España para o grao, como as notas de corte para outros graos na universidade de Vigo.

20·Marzo: Eclipse de sol

Eventos

Imaxe collida da páxina web da Voz de Galicia.

O próximo venres 20 de marzo, o inverno despedirase ata o ano que vén e farao cunha incrible eclipse solar que promete ser un breve, pero bonito espectáculo.

Galicia, converteuse nun lugar privilexiado para poder presenciar o fenómeno astronómico, un acontecemento excepcional no que durante unha hora o sol quedará escurecido pola lúa. A eclipse, poderá seguirse dende calquera punto da xeografía galega pero dende Turgalicia, 8 puntos galegos foron escollidos como os sitios perfectos para non se perder o fantástico espectáculo.

Algún deles son sitios tan coñecidos, e representativos, como a Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela ou como a Praza de María Pita, na Coruña. Son situacións que cunha luz atenuada, como a que se xera durante unha eclipse solar, se converten en lugares máxicos mais sempre con precaución. Para que o desfrute da eclipse de sol non se converta nun problema para a visión, diferentes asociacións poñerán a disposición, dos que se acheguen a estes puntos, os filtros homologados para gozar do fenómeno sen sustos.

O fenómeno durará sobre dúas horas, dende as 9:00 ata as 11:18, aínda que segundo os espertos, terá o seu mellor momento sobre as 10:09, cando o sol desapareza case por completo.

Persoalmente, é un asunto que me ten bastante emocionada. Coido que vai ser unha experiencia moi importante no mundo da astronomía e que quedará gravado en todos aqueles que decidan ir a desfrutalo.

Star Wars na realidade

Curiosidades

Dende que en Star Wars se creou o planeta Tatoonie, son moitas as dúbidas que xorden sobre si un planeta pode ter dous soles. Así pois, investigando en profundidade, no setembro do 2011 anunciouse a existencia de Kepler 16-b.

Kepler 16-b, é un exoplaneta situado a 200 anos luz da terra, e que orbita ao redor de dúas estrelas. Dende aquela non pararon de buscar e algún tempo despois, a mesma sonda que detectou a Kepler 16-b, atopou outros dous novos planetas que orbitan, cada un, o seu propio sistema binario de estrelas: Kepler-34b, a 4.900 anos luz, e Kepler-35b, a 5.400 anos luz.

Os investigadores cren que poden existir moitos máis planetas coma estes, incluso millóns deles, e coidan que tamén poidan ser habitables. Quen sabe se nalgún deles habitou Luke Skywalker de verdade?