España está medrando

Estudos
Imaxe capturada da páxina web do IBV.

Imaxe capturada da páxina web do IBV.

Aínda que esto pareza un post que, polo seu título, vaia tratar sobre economía ou algo relacionado ca política… non é o caso. España está medrando, é certo, pero non económicamente senon en altura.

Segundo un estudos realizados, o home español é cada vez máis alto e tamén, son cada vez máis as persoas que sufren sobrepeso. En España, os talles da roupa non se adecúan ao perfil físico actual dos homes, como xa se comprobou tamén coa poboación feminina. Por ese motivo, o Instituto de Biomecánica de Valencia (IBV) presentou ás empresas do sector téxtil e da moda, os resultados do estudo antropométrico da poboación española, levado a cabo no marco do proxecto europeo .

Esta investigación foi proposta polos grupos empresariais do sector téxtil para rematar cunha das principais queixas dos consumidores: a falta de axuste de roupa.

O estudo realizouse entre 2013 e 2014, rexistrando as medidas de 1.583 homes de idades comprendidas entre os 12 e os 70 anos en diferentes rexións de España. Para levar a cabo as medicións, o IBV empregou tecnoloxía de escanear láser que permite recoller a morfoloxía 3D do corpo.

O traballo confirmou que a estatura media dos mozos entre 18 e 34 anos é de 175,3 centímetros e de 167,4 nos maiores de 55 anos, o que dá unha media de 173,1. Isto supón un incremento de 1,3 cm con respecto á media establecida polo Instituto Nacional de Estatística en 1998, que era de 171,8 cm.

Ademais, as cifras de peso reflicten que a maioría dos españois está nas medidas normais, segundo a clasificación da Organización Mundial da Saúde (OMS), baseada no índice de masa corporal (IMC). Os datos apuntan que o 46,7% dos participantes ten un peso normal, o 37,5% ten sobrepeso e o 4% delgadeza leve.

Nestes tres grupos sitúase o 88,2% da poboación masculina. No 11,8% restante encóntranse os homes con obesidade, que se fai máis presente coa idade. Entre os maiores de 55 a obesidade afecta ao 30,7% da poboación, chegando ao 90% se se inclúe as persoas con sobrepeso (59,3%).

Ao comparar estes datos cos recollidos na poboación feminina, no que o 56,2% das mulleres ten un peso normal, un 24,9% ten sobrepeso e un 5% delgadeza leve, a porcentaxe de mulleres con sobrepeso ou obesidade é menor que o dos homes.

Unha nova fuga de cerebros

Noticias

As ofertas de traballo no estranxeiro para profesionais sanitarios, especialmente médicos e enfermeiros, fixo que en Galicia algo máis de medio centenar de estudantes e profesionais, se dera de baixa nos seus respectivos colexios para trasladarse a outros países. Non só polo feito de que atoparan traballo, se non porque algúns prefiren formarse nas universidades estranxeiras para saber que é o que ofertan dende fóra.

Segundo os datos do Colexio de Enfermeiras e Matronas do Reino Unido (NMC), no país hai rexistrados 4.982 profesionais españois. Deles, 3.663 chegaron nos tres últimos anos, deixando á vista unha clara fuga de cerebros pola nosa parte.

E non é para menos, tendo en conta que a sanidade británica necesita profesionais e non hai suficiente xente formada para eses traballos no seu país. De feito, o sector sanitario é probablemente o único no que os británicos non esixen o dominio do idioma para comezar a exercer, sinxelamente porque hai un déficit enorme de persoal.

O caso do Reino Unido é excepcional, pero unha oportunidade de traballo para os españois que chegan con boa formación. Con todo, é imprescindible obter o número de colexiado alí, se non se ten xa en España, para poder exercer como tal.

Na miña opinión, estamos perdendo a moita xente boa polo camiño. Os estudantes emigrados son cada vez máis e non facemos nada para remedialo, aínda que con ofertas coma esta, quen non prefire marchar?

20·Marzo: Eclipse de sol

Eventos

Imaxe collida da páxina web da Voz de Galicia.

O próximo venres 20 de marzo, o inverno despedirase ata o ano que vén e farao cunha incrible eclipse solar que promete ser un breve, pero bonito espectáculo.

Galicia, converteuse nun lugar privilexiado para poder presenciar o fenómeno astronómico, un acontecemento excepcional no que durante unha hora o sol quedará escurecido pola lúa. A eclipse, poderá seguirse dende calquera punto da xeografía galega pero dende Turgalicia, 8 puntos galegos foron escollidos como os sitios perfectos para non se perder o fantástico espectáculo.

Algún deles son sitios tan coñecidos, e representativos, como a Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela ou como a Praza de María Pita, na Coruña. Son situacións que cunha luz atenuada, como a que se xera durante unha eclipse solar, se converten en lugares máxicos mais sempre con precaución. Para que o desfrute da eclipse de sol non se converta nun problema para a visión, diferentes asociacións poñerán a disposición, dos que se acheguen a estes puntos, os filtros homologados para gozar do fenómeno sen sustos.

O fenómeno durará sobre dúas horas, dende as 9:00 ata as 11:18, aínda que segundo os espertos, terá o seu mellor momento sobre as 10:09, cando o sol desapareza case por completo.

Persoalmente, é un asunto que me ten bastante emocionada. Coido que vai ser unha experiencia moi importante no mundo da astronomía e que quedará gravado en todos aqueles que decidan ir a desfrutalo.

A cervexa é boa para a saúde

Curiosidades,Estudos

Durante anos, os consumidores de viño deleitáronse sen culpa con esta bebida, xa que se demostrou cientificamente que o viño tinto pode axudar a protexer contra enfermidades do corazón. Investigacións recentes, mostran agora que a cervexa tamén pode ser boa para a saúde.

Aínda así, hai que recordar que a clave para aproveitar os beneficios da cervexa é a moderación xa que un consumo excesivo de alcohol pode danar o fígado, provocar algún tipo de cancro ou derivar en problemas cardíacos.

A cervexa contén altos niveis de silicio, que está vinculado á saúde dos ósos. Nun estudo realizado en 2009 na Universidade de Tufts, descubriuse que os homes e as mulleres que bebían unha ou dúas bebidas ao día, tiñan unha maior densidade ósea. Non obstante, o consumo de máis de dúas bebidas relacionouse cun maior risco de fracturas.

Ademais, aumenta o coñecido como “colesterol bo” que axuda a previr que as arteiras se taponen, diminuíndo o risco de ataques cardíacos e morte por enfermidade cardiovascular. E non so iso, tamén reduce o risco de cataratas, de pedras no ril e ademais é bo para a pel xa que algunhas das vitaminas presentes na cervexa, rexeneran a pel facéndoa máis lisa e flexible.

Así pois, deberíamos de deixar a un lado o famoso mito da “barriga cervexeira” e gozar desta bebida alcohólica, mais sempre con moderación porque o cerebro recupérase dunha borracheira, non de máis.

Hawking na gran pantalla

Eventos,Recomendacións

Para enlazar a avaliación anterior con esta, a miña primeira entrada tratará outra vez sobre Stephen Hawking máis dun xeito distinto.

O pasado 16 de Xaneiro, estreouse nos cines a película “La teoría del todo”, baseada no libro da súa ex-esposa que narra a vida académica e matrimonial de Stephen Hawking con Jane Wilde, a súa primeira muller. Esta, era a parella do astrofísico no momento no que lle descubriron a enfermidade. Por un lado, o filme fai fincapé no espírito de superación dunha persoa que loita,e vence, contra unha terrible enfermidade dexenerativa na que o seu principal apoio é a súa muller. Por outro, narra a convivencia destes dous protagonistas, nada doado; chea de dificultades e malentendidos porque Stephen Hawking, a pesar de todo, non sempre foi un santo.

Ao final do filme, a película trata o tema da revolución científica dun visionario da Física que nunca rematou de demostrar nada, e que cambiou en numerosas ocasións de opinión, pero sempre coa finalidade de explicalo todo, mesmo a Deus, a partir de ecuacións matemáticas.

A película, está nominada a mellor película, mellor actor, mellor actriz, mellor guión adaptado e mellor banda sonora e quizáis esto sexa unha das cousas máis destacables, xa que ambas interpretación foron soberbias.

Eddie Redmayne, que probablemente gañe o Oscar, transformouse nunha asombrosa copia do Stephen Hawking real. Ademais, só cos ollos e ca boca, realiza unha actuación das que fan época.

Na miña opinión, é unha película moi boa e entretida; apta para calquer público e moi fácil de ver e complacer o gusto do espectador, así como un exemplo de superación fronte aos problemas da vida.