Domesticar animais deixa pegada no seu ADN

Curiosidades,Estudos

O Instituto Max Planck de Antropoloxía Evolutiva de Leipzigpresentou os resultados do seu estudo sobre a domesticación dos animais, no que se expón que a domesticación por parte dos seres humanos deixa unha pegada no ADN dos animais, presentando os animais domésticos certas variantes xenéticas que afectan a determinados procesos biolóxicos como o desenvolvemento facial, a coloración da pel ou mesmo o cerebro.

Os investigadores, liderados por Alex Cagan, examinaron o ADN de ratas de sumidoiro, tamén chamadas ratas de norueguesa ou ratas chinesas, que foran criadas durante 70 xeracións para mostrarse agresivas ou mansas cara aos humanos. Os resultados de ADN,revelaron que as ratas dóciles ou domesticadas tiñan cambios xenéticos en polo menos 1.880 xenes.

Comparando estas conclusións coas análises de ADN doutros animais domésticos comúns como cans, gatos, porcos ou coellos e os seus respectivos compañeiros pero en estado salvaxe, os expertos acharon idéntico resultado: a domesticación tiña unha cambio asociado nos xenes para os factores de crecemento epidérmico e outras proteínas que estimulan o crecemento das células.

Esta conclusión parece apoiar a hipótese de que os cambios recentes nas células da crista neural que comprende unhas poucas células, e que existe temporalmente en etapas temperás do desenvolvemento embrionario dos vertebrados, poderían ser responsables da síndrome de domesticación, que inclúe cambios físicos nas orellas, nas cores do seu pelo ou na dulcificación dos seus rostros, trazos comúns entre os animais domésticos.

Non sei a vós, pero a min paréceme unha pasada que a domesticación de animais poida deixar pegada no seu ADN, aínda que eso tamén explicaría por que algúns cans, por exemplo os collies, aprenden máis rápido que cans doutra raza.

Advertisement

España está medrando

Estudos
Imaxe capturada da páxina web do IBV.

Imaxe capturada da páxina web do IBV.

Aínda que esto pareza un post que, polo seu título, vaia tratar sobre economía ou algo relacionado ca política… non é o caso. España está medrando, é certo, pero non económicamente senon en altura.

Segundo un estudos realizados, o home español é cada vez máis alto e tamén, son cada vez máis as persoas que sufren sobrepeso. En España, os talles da roupa non se adecúan ao perfil físico actual dos homes, como xa se comprobou tamén coa poboación feminina. Por ese motivo, o Instituto de Biomecánica de Valencia (IBV) presentou ás empresas do sector téxtil e da moda, os resultados do estudo antropométrico da poboación española, levado a cabo no marco do proxecto europeo .

Esta investigación foi proposta polos grupos empresariais do sector téxtil para rematar cunha das principais queixas dos consumidores: a falta de axuste de roupa.

O estudo realizouse entre 2013 e 2014, rexistrando as medidas de 1.583 homes de idades comprendidas entre os 12 e os 70 anos en diferentes rexións de España. Para levar a cabo as medicións, o IBV empregou tecnoloxía de escanear láser que permite recoller a morfoloxía 3D do corpo.

O traballo confirmou que a estatura media dos mozos entre 18 e 34 anos é de 175,3 centímetros e de 167,4 nos maiores de 55 anos, o que dá unha media de 173,1. Isto supón un incremento de 1,3 cm con respecto á media establecida polo Instituto Nacional de Estatística en 1998, que era de 171,8 cm.

Ademais, as cifras de peso reflicten que a maioría dos españois está nas medidas normais, segundo a clasificación da Organización Mundial da Saúde (OMS), baseada no índice de masa corporal (IMC). Os datos apuntan que o 46,7% dos participantes ten un peso normal, o 37,5% ten sobrepeso e o 4% delgadeza leve.

Nestes tres grupos sitúase o 88,2% da poboación masculina. No 11,8% restante encóntranse os homes con obesidade, que se fai máis presente coa idade. Entre os maiores de 55 a obesidade afecta ao 30,7% da poboación, chegando ao 90% se se inclúe as persoas con sobrepeso (59,3%).

Ao comparar estes datos cos recollidos na poboación feminina, no que o 56,2% das mulleres ten un peso normal, un 24,9% ten sobrepeso e un 5% delgadeza leve, a porcentaxe de mulleres con sobrepeso ou obesidade é menor que o dos homes.

A cervexa é boa para a saúde

Curiosidades,Estudos

Durante anos, os consumidores de viño deleitáronse sen culpa con esta bebida, xa que se demostrou cientificamente que o viño tinto pode axudar a protexer contra enfermidades do corazón. Investigacións recentes, mostran agora que a cervexa tamén pode ser boa para a saúde.

Aínda así, hai que recordar que a clave para aproveitar os beneficios da cervexa é a moderación xa que un consumo excesivo de alcohol pode danar o fígado, provocar algún tipo de cancro ou derivar en problemas cardíacos.

A cervexa contén altos niveis de silicio, que está vinculado á saúde dos ósos. Nun estudo realizado en 2009 na Universidade de Tufts, descubriuse que os homes e as mulleres que bebían unha ou dúas bebidas ao día, tiñan unha maior densidade ósea. Non obstante, o consumo de máis de dúas bebidas relacionouse cun maior risco de fracturas.

Ademais, aumenta o coñecido como “colesterol bo” que axuda a previr que as arteiras se taponen, diminuíndo o risco de ataques cardíacos e morte por enfermidade cardiovascular. E non so iso, tamén reduce o risco de cataratas, de pedras no ril e ademais é bo para a pel xa que algunhas das vitaminas presentes na cervexa, rexeneran a pel facéndoa máis lisa e flexible.

Así pois, deberíamos de deixar a un lado o famoso mito da “barriga cervexeira” e gozar desta bebida alcohólica, mais sempre con moderación porque o cerebro recupérase dunha borracheira, non de máis.

Radiohead ou U2 son escoitados pola xente máis intelixente

Curiosidades,Estudos

Hai veces nas que os estudos científicos sacan resultados ofensivos, como aquel que se fixo en 2004 no que se aseguraba que nos lugares nos que máis se escoitaba a música country, máis suicidios se producían. O tema que vou tratar hoxe, non é tan radical pero ten algo en común, a música.

Segundo un traballo realizado por un programador de aplicacións chamado Virgil Griffith, os que escoitan cantantes como Beyoncé ou Jay Z, teñen bastantes menos habilidades intelectuais que os que escoitan artistas como Radiohead ou Sufjan Stevens. Para chegar a esta conclusión, Griffith analizou os gustos musicais dos estudantes de varias universidade segundo a media que teñen os seus alumnos na proba SAT. Por exemplo, en Harvard, universidade á que só acceden os alumnos máis aplicados (e máis ricos), ten unha media de 1.484 neste exame (a puntuación máis alta é 1520). Pola contra, a que peores alumnos acolle é o centro Paul Quinn, cunha media de 665.

Despois, iniciou unha investigación en Facebook sobre os gustos musicais dos que asisten a cada unha destas universidades. Segundo explica na súa páxina web, analizou 1.352 centros de ensino e máis tarde, realizou unha táboa na que os números da parte de arriba son a media no SAT e, podemos ver que o músico favorito dos máis cerebritos é Beethoven, seguido polo cantautor indie Sufjan Stevens e grupos como Radiohead ou U2.

Na parte media sitúanse bandas como Rage Against the MachineGrateful Dead ou Queen e, se imos baixando, os menos hábiles adoran o reguetón, BeyoncéJay Z ou rapeiros como Nas. Un pouco máis listos, pero bastante lonxe da media, están os emos, que escoitan grupos como My Chemical Romance, AFI ou The Used.

Este é un estudo interesante aínda que a súa metodoloxía é cuestionable dende o punto de partida. Aínda así, seguro que vai traer bastante cola.

Os nenos que len Harry Potter son máis empáticos

Curiosidades,Estudos

Un novo estudo da Universidade de Módena e Reggio Emilia, en Italia, asegura que Hogwarts e todo o universo fantástico creado por Rowling axuda aos nenos a ser máis empáticos. Todo está no título da investigación: “A mellor maxia de Harry Potter: Reducir os prexuízos”.

Este estudo di que os libros de Harry Potter van moito máis alá dos dragóns e as variñas. Temos por exemplo os ‘muggles‘, as criaturas non máxicas; os “sangre sucia”, magos nacidos de ‘muggles‘ como Hermione, a mellor amiga de Harry, e logo está Voldemort que pensa que o poder só deberían ostentalo aqueles con pureza de sangue. Por iso, a investigadora Loris Vezzali, deulles a 34 estudantes un cuestionario onde estes expresaron os seus sentimentos sobre a inmigración.

Entre os experimentos realizados, Vezzali ofreceu aos alumnos a lectura dunha das pasaxes de Harry Potter no que Draco Malfoy, un “sangue limpa”, insulta a Hermione por ser unha “sangue sucia” ou, o que é o mesmo, unha bruxa nacida de ‘muggles‘. Unha semana despois os resultados foron moi favorables xa que a actitude dos estudantes cara aos inmigrantes mellorara.