12 de Agosto: As perseidas

Curiosidades,Eventos

As Perseidas, popularmente coñecidas como as Bágoas de San Lourenzo, son unha chuvia de meteoros de alta actividade e velocidade, xa que van a 59 km/s. O seu período de actividade é longo, e esténdese entre o 17 de xullo e o 24 de agosto. O seu máximo é o 12 de agosto, no que caen arredor de 100 meteoros/h, o que a converte na terceira maior chuvia do ano. A intensidade desta chuvia de meteoros e a época do ano na que se produce, fan que as Perseidas sexa unha das chuvias de estrelas fugaces máis populares e sinxelas de contemplar para todo o mundo, xa que transcorre durante o período vacacional.

Ademais, este ano vai ser un gran espectáculo xa que a lúa só estará iluminada un 7% e polo tanto, a contaminación lumínica estará presente só nas cidades, e non será culpa da lúa. Aínda así, os expertos recomendan irse a sitios con pouca luz ou entornos máis rurais para que o seu disfrute sexa pleno.

Asemade, o nome das bágoas de San Lourenzo agochan unha interesante historia detrás. A lenda conta que San Lourenzo, foi queimado vivo nunha cacharela en Roma. Dise que no medio do martirio exclamou: «Dádeme a volta, que por este lado xa estou feito». E como choraba mentres o queimaban, dise que as súas bágoas son as estrelas que nas próximas noites caerán do ceo.

E por se as Perseidas non tivesen suficiente maxia, o cometa que as provoca, o Swift-Tuttle, perdeuse da vixilancia dos astrónomos por imprecisións cometidas na estimación da súa órbita. Mesmo se creu que se desintegrara, aínda que o que acontecía e que o período no que o cometa lograba completar a súa órbita non era de 120 anos, senón de case 130. Para alivio dos científicos, volveu reaparecer en 1992.

Para rematar, déixovos un artigo sobre “Dez cousas que debes saber das Perseidas” do xornal ABC.

Advertisement

O fulminato de mercurio de Breaking Bad

Curiosidades

Este artigo contén spoilers.


O fulminato de mercurio, tamén chamado fulminante de mercurio ou mercurio fulminado, é un composto moi inestable, polo que pode explotar baixo certas condicións, aínda que ao facelo non produce moita calor.

Catalógase como explosivo primario, é dicir, que é moi sensible a certos estímulos (impacto, fricción, calor, electricidade estática, reacción electromagnética…). Por iso, adoita utilizarse como explosivo de iniciación, antes empregábase moito nas cápsulas fulminantes dos cartuchos. Cando se descompón termicamente, o fulminato de mercurio pode facelo a temperaturas relativamente baixas (uns 100º C).  Este, prepárase facendo reaccionar mercurio con ácido nítrico en presenza de etanol, podendo formar cristais de cor azul celeste, igual que a metanfetamina do profesor Walter White.

Por iso, na serie de televisión “Breaking Bad”, é utilizado por Walter para voar as ventás dun cuarto e impresionar así a un alporizado narcotraficante, ao que inicialmente o químico fai crer que o fulminato é a súa metanfetamina.  Esto faino botando un groso cristal de fulminato contra o chan, provocando así unha explosión suficiente para romper as ventás e causar outros danos pero sen ferir as persoas que se encontran no cuarto.

Pode ser esto verdade? A resposta é negativa; o fulminato si pode estoupar ao ser botado, pero para causar eses estragos tense que dispoñer de cantidades máis grandes que o cristal que Walt lanza no despacho de Tuco. Ademais, como dixen ao comezo do artigo, é unha substancia moi inestable e, moi probablemente, estouparía antes de chegar ao destino. Aínda así, non deixa de ser unha escena brutal das moitas cas que conta esta serie, que sen dúbida podería ser considerada unha das mellores da historia.

Domesticar animais deixa pegada no seu ADN

Curiosidades,Estudos

O Instituto Max Planck de Antropoloxía Evolutiva de Leipzigpresentou os resultados do seu estudo sobre a domesticación dos animais, no que se expón que a domesticación por parte dos seres humanos deixa unha pegada no ADN dos animais, presentando os animais domésticos certas variantes xenéticas que afectan a determinados procesos biolóxicos como o desenvolvemento facial, a coloración da pel ou mesmo o cerebro.

Os investigadores, liderados por Alex Cagan, examinaron o ADN de ratas de sumidoiro, tamén chamadas ratas de norueguesa ou ratas chinesas, que foran criadas durante 70 xeracións para mostrarse agresivas ou mansas cara aos humanos. Os resultados de ADN,revelaron que as ratas dóciles ou domesticadas tiñan cambios xenéticos en polo menos 1.880 xenes.

Comparando estas conclusións coas análises de ADN doutros animais domésticos comúns como cans, gatos, porcos ou coellos e os seus respectivos compañeiros pero en estado salvaxe, os expertos acharon idéntico resultado: a domesticación tiña unha cambio asociado nos xenes para os factores de crecemento epidérmico e outras proteínas que estimulan o crecemento das células.

Esta conclusión parece apoiar a hipótese de que os cambios recentes nas células da crista neural que comprende unhas poucas células, e que existe temporalmente en etapas temperás do desenvolvemento embrionario dos vertebrados, poderían ser responsables da síndrome de domesticación, que inclúe cambios físicos nas orellas, nas cores do seu pelo ou na dulcificación dos seus rostros, trazos comúns entre os animais domésticos.

Non sei a vós, pero a min paréceme unha pasada que a domesticación de animais poida deixar pegada no seu ADN, aínda que eso tamén explicaría por que algúns cans, por exemplo os collies, aprenden máis rápido que cans doutra raza.

A cervexa é boa para a saúde

Curiosidades,Estudos

Durante anos, os consumidores de viño deleitáronse sen culpa con esta bebida, xa que se demostrou cientificamente que o viño tinto pode axudar a protexer contra enfermidades do corazón. Investigacións recentes, mostran agora que a cervexa tamén pode ser boa para a saúde.

Aínda así, hai que recordar que a clave para aproveitar os beneficios da cervexa é a moderación xa que un consumo excesivo de alcohol pode danar o fígado, provocar algún tipo de cancro ou derivar en problemas cardíacos.

A cervexa contén altos niveis de silicio, que está vinculado á saúde dos ósos. Nun estudo realizado en 2009 na Universidade de Tufts, descubriuse que os homes e as mulleres que bebían unha ou dúas bebidas ao día, tiñan unha maior densidade ósea. Non obstante, o consumo de máis de dúas bebidas relacionouse cun maior risco de fracturas.

Ademais, aumenta o coñecido como “colesterol bo” que axuda a previr que as arteiras se taponen, diminuíndo o risco de ataques cardíacos e morte por enfermidade cardiovascular. E non so iso, tamén reduce o risco de cataratas, de pedras no ril e ademais é bo para a pel xa que algunhas das vitaminas presentes na cervexa, rexeneran a pel facéndoa máis lisa e flexible.

Así pois, deberíamos de deixar a un lado o famoso mito da “barriga cervexeira” e gozar desta bebida alcohólica, mais sempre con moderación porque o cerebro recupérase dunha borracheira, non de máis.

Radiohead ou U2 son escoitados pola xente máis intelixente

Curiosidades,Estudos

Hai veces nas que os estudos científicos sacan resultados ofensivos, como aquel que se fixo en 2004 no que se aseguraba que nos lugares nos que máis se escoitaba a música country, máis suicidios se producían. O tema que vou tratar hoxe, non é tan radical pero ten algo en común, a música.

Segundo un traballo realizado por un programador de aplicacións chamado Virgil Griffith, os que escoitan cantantes como Beyoncé ou Jay Z, teñen bastantes menos habilidades intelectuais que os que escoitan artistas como Radiohead ou Sufjan Stevens. Para chegar a esta conclusión, Griffith analizou os gustos musicais dos estudantes de varias universidade segundo a media que teñen os seus alumnos na proba SAT. Por exemplo, en Harvard, universidade á que só acceden os alumnos máis aplicados (e máis ricos), ten unha media de 1.484 neste exame (a puntuación máis alta é 1520). Pola contra, a que peores alumnos acolle é o centro Paul Quinn, cunha media de 665.

Despois, iniciou unha investigación en Facebook sobre os gustos musicais dos que asisten a cada unha destas universidades. Segundo explica na súa páxina web, analizou 1.352 centros de ensino e máis tarde, realizou unha táboa na que os números da parte de arriba son a media no SAT e, podemos ver que o músico favorito dos máis cerebritos é Beethoven, seguido polo cantautor indie Sufjan Stevens e grupos como Radiohead ou U2.

Na parte media sitúanse bandas como Rage Against the MachineGrateful Dead ou Queen e, se imos baixando, os menos hábiles adoran o reguetón, BeyoncéJay Z ou rapeiros como Nas. Un pouco máis listos, pero bastante lonxe da media, están os emos, que escoitan grupos como My Chemical Romance, AFI ou The Used.

Este é un estudo interesante aínda que a súa metodoloxía é cuestionable dende o punto de partida. Aínda así, seguro que vai traer bastante cola.

Os nenos que len Harry Potter son máis empáticos

Curiosidades,Estudos

Un novo estudo da Universidade de Módena e Reggio Emilia, en Italia, asegura que Hogwarts e todo o universo fantástico creado por Rowling axuda aos nenos a ser máis empáticos. Todo está no título da investigación: “A mellor maxia de Harry Potter: Reducir os prexuízos”.

Este estudo di que os libros de Harry Potter van moito máis alá dos dragóns e as variñas. Temos por exemplo os ‘muggles‘, as criaturas non máxicas; os “sangre sucia”, magos nacidos de ‘muggles‘ como Hermione, a mellor amiga de Harry, e logo está Voldemort que pensa que o poder só deberían ostentalo aqueles con pureza de sangue. Por iso, a investigadora Loris Vezzali, deulles a 34 estudantes un cuestionario onde estes expresaron os seus sentimentos sobre a inmigración.

Entre os experimentos realizados, Vezzali ofreceu aos alumnos a lectura dunha das pasaxes de Harry Potter no que Draco Malfoy, un “sangue limpa”, insulta a Hermione por ser unha “sangue sucia” ou, o que é o mesmo, unha bruxa nacida de ‘muggles‘. Unha semana despois os resultados foron moi favorables xa que a actitude dos estudantes cara aos inmigrantes mellorara.

Star Wars na realidade

Curiosidades

Dende que en Star Wars se creou o planeta Tatoonie, son moitas as dúbidas que xorden sobre si un planeta pode ter dous soles. Así pois, investigando en profundidade, no setembro do 2011 anunciouse a existencia de Kepler 16-b.

Kepler 16-b, é un exoplaneta situado a 200 anos luz da terra, e que orbita ao redor de dúas estrelas. Dende aquela non pararon de buscar e algún tempo despois, a mesma sonda que detectou a Kepler 16-b, atopou outros dous novos planetas que orbitan, cada un, o seu propio sistema binario de estrelas: Kepler-34b, a 4.900 anos luz, e Kepler-35b, a 5.400 anos luz.

Os investigadores cren que poden existir moitos máis planetas coma estes, incluso millóns deles, e coidan que tamén poidan ser habitables. Quen sabe se nalgún deles habitou Luke Skywalker de verdade?