12 de Agosto: As perseidas

Curiosidades,Eventos

As Perseidas, popularmente coñecidas como as Bágoas de San Lourenzo, son unha chuvia de meteoros de alta actividade e velocidade, xa que van a 59 km/s. O seu período de actividade é longo, e esténdese entre o 17 de xullo e o 24 de agosto. O seu máximo é o 12 de agosto, no que caen arredor de 100 meteoros/h, o que a converte na terceira maior chuvia do ano. A intensidade desta chuvia de meteoros e a época do ano na que se produce, fan que as Perseidas sexa unha das chuvias de estrelas fugaces máis populares e sinxelas de contemplar para todo o mundo, xa que transcorre durante o período vacacional.

Ademais, este ano vai ser un gran espectáculo xa que a lúa só estará iluminada un 7% e polo tanto, a contaminación lumínica estará presente só nas cidades, e non será culpa da lúa. Aínda así, os expertos recomendan irse a sitios con pouca luz ou entornos máis rurais para que o seu disfrute sexa pleno.

Asemade, o nome das bágoas de San Lourenzo agochan unha interesante historia detrás. A lenda conta que San Lourenzo, foi queimado vivo nunha cacharela en Roma. Dise que no medio do martirio exclamou: «Dádeme a volta, que por este lado xa estou feito». E como choraba mentres o queimaban, dise que as súas bágoas son as estrelas que nas próximas noites caerán do ceo.

E por se as Perseidas non tivesen suficiente maxia, o cometa que as provoca, o Swift-Tuttle, perdeuse da vixilancia dos astrónomos por imprecisións cometidas na estimación da súa órbita. Mesmo se creu que se desintegrara, aínda que o que acontecía e que o período no que o cometa lograba completar a súa órbita non era de 120 anos, senón de case 130. Para alivio dos científicos, volveu reaparecer en 1992.

Para rematar, déixovos un artigo sobre “Dez cousas que debes saber das Perseidas” do xornal ABC.

Advertisement

Nixeria prohibe a mutilación xenital feminina

Noticias

A mutilación xenital feminina é un procedemento mediante o cal os órganos xenitais externos das mulleres son total ou parcialmente removido ou no seu defecto alterada a súa morfoloxía sen ningún beneficio médico. De feito non están documentados casos onde isto trouxese algún tipo de beneficio á saúde, sendo un terrible menosprezo aos Dereitos Humanos das mulleres.

Por iso, o presidente de Nixeria Jonathan Goodlucksubscribiu un proxecto de lei onde se sitúa a mutilación xenital feminina como delito, e prohibe a expulsión do fogar e a falta de manutención ou abandono cara aos fillos e a cónxuxe, ampliando a prohibición a outras prácticas tribais que inclúen a violencia de xénero.

Segundo UNICEF e unha extensa análise do ano 2013, máis de 125 millóns de nenas e mulleres sufriron algún tipo de mutilación xenital feminina. A maior concentración delas sitúase en África, xa que soamente dous países non pertencen a ese continente. De feito, case 20 millóns das nenas e mulleres mutiladas residen en Nixeria.

Os países que teñen maior cantidade de nenas e mulleres laceradas pola circuncisión son: GuineaExipto, DjibutiSomalía. Estas prácticas son incriblemente aceptadas en determinados países como por exemplo Exipto, xa que un alto porcentual de mulleres sofren esta práctica e a metade delas está de acordo por ser froito dunha ancestral tradición. Por iso é tan importante que as autoridades e a comunidade, mesmo a internacional, se involucre profundamente para así tomar conciencia da necesidade que teñen as mulleres de ser protexidas por lei.

Aínda así, que Nixeria dese o paso de estipular coma un delito a circuncisión, é un gran avance, sobre todo tendo en conta os porcentaxes anteriormente citados de nenas e mulleres que sofren esta práctica. Penso ademais, que o feito de que se tomara esta decisión vai cambiar algo no pensamento dos africanos, e que a circuncisión se vai deixar de practicar con regularidade.

O fulminato de mercurio de Breaking Bad

Curiosidades

Este artigo contén spoilers.


O fulminato de mercurio, tamén chamado fulminante de mercurio ou mercurio fulminado, é un composto moi inestable, polo que pode explotar baixo certas condicións, aínda que ao facelo non produce moita calor.

Catalógase como explosivo primario, é dicir, que é moi sensible a certos estímulos (impacto, fricción, calor, electricidade estática, reacción electromagnética…). Por iso, adoita utilizarse como explosivo de iniciación, antes empregábase moito nas cápsulas fulminantes dos cartuchos. Cando se descompón termicamente, o fulminato de mercurio pode facelo a temperaturas relativamente baixas (uns 100º C).  Este, prepárase facendo reaccionar mercurio con ácido nítrico en presenza de etanol, podendo formar cristais de cor azul celeste, igual que a metanfetamina do profesor Walter White.

Por iso, na serie de televisión “Breaking Bad”, é utilizado por Walter para voar as ventás dun cuarto e impresionar así a un alporizado narcotraficante, ao que inicialmente o químico fai crer que o fulminato é a súa metanfetamina.  Esto faino botando un groso cristal de fulminato contra o chan, provocando así unha explosión suficiente para romper as ventás e causar outros danos pero sen ferir as persoas que se encontran no cuarto.

Pode ser esto verdade? A resposta é negativa; o fulminato si pode estoupar ao ser botado, pero para causar eses estragos tense que dispoñer de cantidades máis grandes que o cristal que Walt lanza no despacho de Tuco. Ademais, como dixen ao comezo do artigo, é unha substancia moi inestable e, moi probablemente, estouparía antes de chegar ao destino. Aínda así, non deixa de ser unha escena brutal das moitas cas que conta esta serie, que sen dúbida podería ser considerada unha das mellores da historia.

Domesticar animais deixa pegada no seu ADN

Curiosidades,Estudos

O Instituto Max Planck de Antropoloxía Evolutiva de Leipzigpresentou os resultados do seu estudo sobre a domesticación dos animais, no que se expón que a domesticación por parte dos seres humanos deixa unha pegada no ADN dos animais, presentando os animais domésticos certas variantes xenéticas que afectan a determinados procesos biolóxicos como o desenvolvemento facial, a coloración da pel ou mesmo o cerebro.

Os investigadores, liderados por Alex Cagan, examinaron o ADN de ratas de sumidoiro, tamén chamadas ratas de norueguesa ou ratas chinesas, que foran criadas durante 70 xeracións para mostrarse agresivas ou mansas cara aos humanos. Os resultados de ADN,revelaron que as ratas dóciles ou domesticadas tiñan cambios xenéticos en polo menos 1.880 xenes.

Comparando estas conclusións coas análises de ADN doutros animais domésticos comúns como cans, gatos, porcos ou coellos e os seus respectivos compañeiros pero en estado salvaxe, os expertos acharon idéntico resultado: a domesticación tiña unha cambio asociado nos xenes para os factores de crecemento epidérmico e outras proteínas que estimulan o crecemento das células.

Esta conclusión parece apoiar a hipótese de que os cambios recentes nas células da crista neural que comprende unhas poucas células, e que existe temporalmente en etapas temperás do desenvolvemento embrionario dos vertebrados, poderían ser responsables da síndrome de domesticación, que inclúe cambios físicos nas orellas, nas cores do seu pelo ou na dulcificación dos seus rostros, trazos comúns entre os animais domésticos.

Non sei a vós, pero a min paréceme unha pasada que a domesticación de animais poida deixar pegada no seu ADN, aínda que eso tamén explicaría por que algúns cans, por exemplo os collies, aprenden máis rápido que cans doutra raza.

O universo en 5 apps

Recomendacións

Dende o principio dos tempos, ao ser humano sempre lle fascinou a astronomía, mirar ao ceo de noite noutro tempo significaba abrir unha ventá cara ao misterio. Hoxe en día, debido á contaminación lumínica e ao noso coñecemento, mirar ao ceo na noite non nos produce tanto placer coma antes. Nestes temas pode ser que nos sintamos un tanto perdidos, xa que a astronomía non é un tema que se teña moi en conta nin ao que se lle de moito bombo, non é un tema que interese. Por iso mesmo, hoxe vou falar sobre 5 apps para smartphones que poden axudar neste “inicio da astronomía”, as cales vos axudaran a situarvos no ceo nocturno ou simplemente, a gozar das maravillas do universo.

  1. Google Skymap: Esta é a aplicación de astronomía máis coñecida en Android, nela poderemos navegar polo ceo nocturno axudándonos do GPS do noso smartphone. A aplicación daranos a posibilidade de elixir que queremos visualizar: Constelacións, galaxias e cúmulos estelares, planetas, etc. A navegación polo ceo é bastante precisa, aínda que se é certo que apreciamos un lixeiro desprazamento dalgúns astros, que ao apuntar cara a eles estaban nun sitio lixeiramente distinto ao que realmente estaban. Aínda así, axuda moito á hora de orientarse.
  2. Mapa Estelar: Nesta aplicación, poderemos navegar libremente polo ceo e explorar as características das estrelas que queiramos. Ademais, danos a posibilidade de viaxar polo ceo en diferentes modos, como por exemplo a navegación en 3D, que nos mostrará o noso planeta e poderemos ampliar ou afastar dependendo do noso gusto para ver a posición na que se encontran as galaxias con respecto á terra. Ademais, tamén inclúe a opción de explorar os planetas mediante unha animación en 3D. É unha aplicación gratuíta, aínda que conta con gran cantidade de pagamentos in-app que mellorarán a experiencia. Tamén existe unha versión de pagamento desta mesma aplicación que inclúe todas as opcións desbloqueadas por 9 euros.
  3. Vortex: Esta aplicación, é outra gran opción á hora de explorar o ceo nocturno, malia ser unha aplicación de pagamento. Ademais de incluír as opcións que xa nos ofrecían as outras apps, esta aplicación daranos a posibilidade de utilizar o modo cámara, é dicir, que poderemos escanear o ceo nocturno cun equipo superposto que nos mostrará as constelacións de forma doada. Asemade, mostrarános unha lista cos próximos eventos que vaian suceder, como chuvias de estrelas ou eclipses, xunto con información sobre o tempo que vai facer. Unha grande utilidade para estar ao día dos acontecementos e para explorar, ou mesmo para facilitar a organización dunha saída nocturna.
  4. Fases da lúa: Esta é unha app para eses aos que nos gusta saír ao campo a ver as estrelas, xa que nos interesa moito saber en que fase se vai encontrar a lúa para planear a nosa próxima escapada. Poderemos observar tamén os seus porcentaxes de iluminación, a distancia á que se atopa e as horas de saída e posta. Ademais, se achegamos poderemos encontrar un atlas da lúa bastante interesante que nos mostrará onde aluaron algunhas misións Apollo entre outras cousas. Ademais, inclúe un widget que podemos engadir á nosa pantalla de inicio, que mostrará en que fase se atopa a lúa sen necesidade de ter que entrar na propia app.
  5. NASA: A pesar de que en 2014, a ESA deu un golpe na mesa coa sonda Roseta, a axencia espacial que máis relevancia ten a nivel mundial segue sendo a NASA. Por iso, falar de aplicacións sobre astronomía e non mencionar a aplicación da Axencia Espacial Estadounidense non é compatible. Con ela, poderemos estar ao día de todas as misións que ten (Curiosity, Oportunity, Cassini, etc.), ademais de ter acceso a imaxes e videos de forma moi rápida. Como una dificultade, é que o contido está en inglés, pero aínda que non sexas un experto na lingua anglosaxona, podes ter esta app no movil e observar as imaxes que colgan van colgando cada día. Sen dúbida, é unha gran aplicación para estar ao día das últimas noticias que nos mostra a NASA.

A nave Dawn inicia a súa misión científica no planeta anano Ceres

Noticias

Imaxe extraída de europapress, así como a información. URL: http://www.europapress.es/ciencia/

A nave espacial Dawn da NASA, alcanzou este fin de semana a súa órbita dirixida á investigación científica en torno ao planeta anano Ceres.

Tras un atraso na comunicación dunha secuencia de comandos, a nave entrou brevemente en modo seguro e esperou instrucións adicionais, as cales foron enviadas polos controladores da misión. O inicio das observacións do planeta anano Ceres, tiveron unha lixeira demora debido a unha falla nas comunicacións.

A sonda espacial Dawn, que comezou o mes pasado a orbitar Ceres ao cabo dunha viaxe de case oito anos, impulsada por motores de propulsión de ións; debía empezar a mañá do venres a súa misión científica, pero non recibiu a orde dos controladores en terra como estaba previsto. Como a nave ingresou brevemente en fase de seguridade, suspendeu todas as súas actividades mentres mantiña contacto coa Terra. Isto, demorou o inicio da misión unhas 16 horas pero non afectará a misión en xeral.

O plan contempla que Dawn, fotografe o planeta anano e analice a superficie cos seus instrumentos; aínda que xa temos fotografías de Ceres, pero son dende moi lonxe. Os científicos confiaban en ter unha mellor vista dun par de puntos brillantes situados nun cráter, para determinar que son.

Ceres, o obxecto máis grande no cinto de asteroides entre Marte e Xúpiter, é a segunda escala que realiza Dawn. A sonda pasou un ano no asteroide Vesta, o segundo obxecto con máis masa do cinto de asteroides e o terceiro en tamaño.

Persoalmente, faime moita ilusiñon poder ver o planeta Ceres con máis detalle. É ese tipo de cousas que xeracións anteriores non puideron disfrutar, e por iso somos afortunados.

22 de Abril: Día da terra

Eventos

O Día da Terra celébrase en moitos países do planeta cada 22 de abril. O seu gran promotor, foi o senador estadounidense Gaylord Nelson, unha persoa concienciada cos problemas ambientais e que ideou dedicarlle unha xornada cada ano, como homenaxe ao planeta azul, que contribúa á súa mellor conservación e a restaurar a súa boa saúde.

A súa proposta foi gañando aceptación, e dende 1970, non deixa de medrar. A primeira manifestación celebrouse nese ano, e nela, xuntáronse máis de 2.000 universidades e dez millares de escolas de ensino, ademais doutros colectivos concienciados co medio.

A decisión de que se celebrase o 22 de Abril tivo bastante polémica, xa que a data escollida, coincide co aniversario do nacemento de Lenin, o pai da Revolución Rusa. O FBI daquela época, pensaba que igual era un aceno aos comunistas, e por iso vixiaron con atención as manifestacións que se levaban a cabo.

Este foi o meu resultado.

Este foi o meu resultado.

Como en cada data importante, o doodle de google, convírtese nunha fonte de información ou recordatorio que a todos nos encanta. E dende fai dous anos, esta data é tamén unha oportunidade para facer un doodle distinto. Este ano, a empresa escolleu facer un divertido test no que podes saber que animal eres.

Enxeñaría aeroespacial agora en Ourense

Noticias

A Universidade de Vigo, decidiu implantar para o curso 2016/2017, un novo grao: Enxeñaría aeroespacial. Este, estará situado no campus de Ourense e será o único sitio da comunidade onde se impartirá o grao.

O reitor anunciou que a titulación non estará adscrita a ningunha das facultades do campus, senón que dependerá dun centro propio, ao non existir ningunha enxeñaría de características similares dentro da oferta da Universidade de Vigo. Así, de seguir adiante o proceso implantador, a institución poñerá en marcha unha Escola de Enxeñaría Aeroespacial no Campus.

A elección da provincia non é casual, xa que se trata dun mercado pensado para a formación de enxeñeiros especializados. Un sector como o de compoñentes da aeronáutica, que teñen tres firmas fundamentais só no parque Tecnolóxico de GaliciaCoasa S.A., empresa líder no deseño e fabricación de aeroestructuras, estabilizadores e fuselaxe entre outros; Hispamoldes, que optou hai tres anos por reciclar a súa produción e se uniu a un grupo de dez firmas galegas para fabricar este tipo de pezas para firmas aeronáuticas; e firma Laddes Works, situada tamén na Tecnópole.

Así pois, esperemos que todo saia ben e adiante. Sería un verdadeiro luxo poder contar cun grao de esas características na comunidade, ademais dun orgullo.

Aquí vos deixo tanto as notas de corte en España para o grao, como as notas de corte para outros graos na universidade de Vigo.

España está medrando

Estudos
Imaxe capturada da páxina web do IBV.

Imaxe capturada da páxina web do IBV.

Aínda que esto pareza un post que, polo seu título, vaia tratar sobre economía ou algo relacionado ca política… non é o caso. España está medrando, é certo, pero non económicamente senon en altura.

Segundo un estudos realizados, o home español é cada vez máis alto e tamén, son cada vez máis as persoas que sufren sobrepeso. En España, os talles da roupa non se adecúan ao perfil físico actual dos homes, como xa se comprobou tamén coa poboación feminina. Por ese motivo, o Instituto de Biomecánica de Valencia (IBV) presentou ás empresas do sector téxtil e da moda, os resultados do estudo antropométrico da poboación española, levado a cabo no marco do proxecto europeo .

Esta investigación foi proposta polos grupos empresariais do sector téxtil para rematar cunha das principais queixas dos consumidores: a falta de axuste de roupa.

O estudo realizouse entre 2013 e 2014, rexistrando as medidas de 1.583 homes de idades comprendidas entre os 12 e os 70 anos en diferentes rexións de España. Para levar a cabo as medicións, o IBV empregou tecnoloxía de escanear láser que permite recoller a morfoloxía 3D do corpo.

O traballo confirmou que a estatura media dos mozos entre 18 e 34 anos é de 175,3 centímetros e de 167,4 nos maiores de 55 anos, o que dá unha media de 173,1. Isto supón un incremento de 1,3 cm con respecto á media establecida polo Instituto Nacional de Estatística en 1998, que era de 171,8 cm.

Ademais, as cifras de peso reflicten que a maioría dos españois está nas medidas normais, segundo a clasificación da Organización Mundial da Saúde (OMS), baseada no índice de masa corporal (IMC). Os datos apuntan que o 46,7% dos participantes ten un peso normal, o 37,5% ten sobrepeso e o 4% delgadeza leve.

Nestes tres grupos sitúase o 88,2% da poboación masculina. No 11,8% restante encóntranse os homes con obesidade, que se fai máis presente coa idade. Entre os maiores de 55 a obesidade afecta ao 30,7% da poboación, chegando ao 90% se se inclúe as persoas con sobrepeso (59,3%).

Ao comparar estes datos cos recollidos na poboación feminina, no que o 56,2% das mulleres ten un peso normal, un 24,9% ten sobrepeso e un 5% delgadeza leve, a porcentaxe de mulleres con sobrepeso ou obesidade é menor que o dos homes.

Unha nova fuga de cerebros

Noticias

As ofertas de traballo no estranxeiro para profesionais sanitarios, especialmente médicos e enfermeiros, fixo que en Galicia algo máis de medio centenar de estudantes e profesionais, se dera de baixa nos seus respectivos colexios para trasladarse a outros países. Non só polo feito de que atoparan traballo, se non porque algúns prefiren formarse nas universidades estranxeiras para saber que é o que ofertan dende fóra.

Segundo os datos do Colexio de Enfermeiras e Matronas do Reino Unido (NMC), no país hai rexistrados 4.982 profesionais españois. Deles, 3.663 chegaron nos tres últimos anos, deixando á vista unha clara fuga de cerebros pola nosa parte.

E non é para menos, tendo en conta que a sanidade británica necesita profesionais e non hai suficiente xente formada para eses traballos no seu país. De feito, o sector sanitario é probablemente o único no que os británicos non esixen o dominio do idioma para comezar a exercer, sinxelamente porque hai un déficit enorme de persoal.

O caso do Reino Unido é excepcional, pero unha oportunidade de traballo para os españois que chegan con boa formación. Con todo, é imprescindible obter o número de colexiado alí, se non se ten xa en España, para poder exercer como tal.

Na miña opinión, estamos perdendo a moita xente boa polo camiño. Os estudantes emigrados son cada vez máis e non facemos nada para remedialo, aínda que con ofertas coma esta, quen non prefire marchar?